Código Ético

Introdución 

O obxectivo deste Código Ético é asegurar que a política deixe de estar ao servizo de intereses particulares para ser unha actividade na que veciños e veciñas participen e poidan decidir democraticamente en todos os asuntos da súa comunidade. O presente documento recolle, sintetiza e adecúa ao noso ámbito municipal o enorme esforzo de reflexión colectiva feito por moitas persoas pertencentes a moitos movementos sociais na aspiración de atopar garantías para un exercicio limpo, transparente e plenamente democrático das políticas públicas. 

Articulado 

Os candidatos e candidatas de Gondomar Concello Aberto: 

1. Non poderán estar imputados ou condenados por delitos de corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento ilícito, suborno, malversación, apropiación de fondos públicos e demais relacionados co exercicio da función pública. Tampouco por delitos por violencia de xénero, xenofobia ou calquera outro contra os Dereitos Humanos ou os dereitos das persoas traballadoras, renunciando de maneira automática ao seu cargo ante unha imputación xudicial por as citadas causas.

2. Aceptarán a censura ou a revogación dos seus cargos por desleixo de funcións, mala xestión, incumprimento non xustificado do programa ou dalgún aspecto deste Código Ético, poñendo o seu cargo a disposición de Gondomar Concello Aberto.

3. Desempeñarán con lealdade, ética e transparencia as súas responsabilidades, defendendo o establecido no Programa Político da candidatura, actuando como verdadeiros representantes obrigados a seguir as decisións tomadas mediante mecanismos democráticos. A candidatura combaterá especialmente calquera forma de racismo, xenofobia ou discriminación por razón de xénero ou orientación sexual e favorecerá a participación política das mulleres e da xuventude.

4. Comprometeranse á democratización do exercicio das súas funcións, a dar un trato humano e digno aos veciños, moi especialmente a aqueles que pertenzan aos colectivos áis vulnerables. Comprometeranse así mesmo a crear e facilitar nas áreas de traballo que teñan baixo a súa responsabilidade un clima e una cultura administrativa de transparencia, rendición de contas e portas abertas á veciñanza rexeitando comportamentos autoritarios e non democráticos.

5. Todos os cargos electos con dedicación exclusiva aceptarán unha limitación salarial de tres veces e media o salario mínimo interprofesional (o que supón unha rebaixa dun 24% do actual salario do Alcalde no noso concello). Adecuaranse proporcionalmente as dedicacións parciais. Establecerase un tope de gasto para este concepto. No caso de necesitar dietas ou viáticos, estes no poderán superar as establecidas para o persoal funcionario e laboral.

6. Renunciarán a agasallos e privilexios que se lles poidan ofrecer. Non duplicarán salarios nin cargos, agás os vinculados á súa condición.

7. Subscribirán un compromiso de transparencia e rendición de contas ao longo e ao final da súa actividade como representantes, velando polo bo uso dos bens públicos e por unha xestión dos recursos municipais baseada en principios de eficiencia, equidade e eficacia.

8. Comprometeranse a defender que as relacións económicas e financeiras que o concello precise sexan establecidas cunha banca ética na medida do posible.

9. Promoverán a participación veciñal na toma de decisións relevantes e na posición política da candidatura en asuntos estratéxicos e proxectos de impacto social, ambiental ou urbanístico.

10. Comprometeranse na defensa da lingua galega e a súa normalización na vida do Concello e na protección e enriquecemento do patrimonio material e inmaterial, o medio ambiente e a diversidade cultural e artística.