20.10.17

CABE ante o desastre do lume no Concello de Gondomar


A Asemblea Veciñal de CABE, ante a catástrofe do lume vivida nestes días quere sumarse á multitude de manifestacións, en primeiro lugar de pésame polas persoas falecidas no noso país e no veciño Portugal, e de solidaridade coas máis directamente afectadas polos efectos das lapas; en segundo lugar de  recoñecemento e agradecemento á veciñanza polo seu comportamento na loita contra o lume, que suplíu de novo a evidente carencia de medios; e, por último de esperanza en que os investigadores e a xustiza poidan facer o seu labor coa eficacia, liberdade e medios necesarios para esclarecer ata as últimas consecuencias as actuacións delictivas que orixinaron esta vaga de lumes.
Sen embargo, consideramos que quedarnos somente nunha declaración deste tipo sería quedar de brazos cruzados esperando a que algo como o acontecido volva ocorrer. Por elo, e co ánimo constructivo que sempre caracteriza as nosas propostas, queremos pór enriba da mesa unha serie de actuacións que consideramos necesarias, dentro do noso ámbito municipal, para paliar na medida do posible o efecto do desastre do lume vivido e evitar a súa repetición. Así, e con caracter inmediato, nas próximas horas, consideramos que o Concello debería pór en marcha medidas efectivas para:
1.     Organizar brigadas de voluntarias: Hai moitas persoas desexosas de facer algo, que ademáis se senten impotentes por non saber como actuar. Aproveitemos esa forza.
2.     Rexenerar o monte:
Minimizar a erosión: Facernos cun protocolo de actuación. Que os hai, doados de conseguir e doados de aplicar con voluntarios. Con indicacións adecuadas.
Favorecer a recuperación: Non se pode facer de calquera xeito, por máis que o ímpetu nos leve a querer plantar e sementar. Porque se queremos recuperar os ecosistemas non se pode sementar nin plantar calquera planta en calquera sitio. Neste senso, dado que este é un ano de landras, deberíase aproveitar para crear viveiros de carballos para a súa posterior plantación nos montes queimados.
3.     Realoxar o gando do monte. No Galiñeiro había dous rabaños grandes de cabras e algúns outros pequenos, polos menos tres de vacas e un de ovellas. Agora mesmo están acurralados onde os donos puideron metelos. En todo o concello hai extensións de campos de poulo, é decir, leiras que xa non se cultivan, pero que teñen diferentes donos e donas. O concello debería facer o esforzo de xestionar isto xa que é o último gando que queda en Gondomar.
4.     Investigar que aconteceu cos cabalos do monte.
5.     Visitar as parroquias e falar coa veciñanza nos seus distintos elementos organizativos: gandeiros, comunidades de augas, de montes, de veciñas, centros culturais....., como única maneira efectiva de conseguir unha información real da situación actual e poder organizar adecuadamente as medidas anteriores. Así mesmo, estas visitas permitirían facer unha recollida de danos particulares co fin de propoñer e solicitar axudas. Hai xente que perdeu os seus cultivos e ten dificultades para manter agora os animais.
Ao marxe destas actuacións inmediatas, consideramos que hai que analizar cuestións como, por exemplo, se se pediu colaboración aos concellos veciños en dotación de bombeiros, bombas de auga, policia... ou tiveron que ofrecela eles; se houbo a adecuada comunicación das autoridades coa poboación; se os presotes de auga contra incendios que hai construídos no monte tiñan auga; ou se as tomas de auga das traídas veciñais respectaron a cantidade mínima que debía quedar para o hábitat correspondente ou estaba toda nas nosas piscinas e duchas. E a máis longo prazo, abordar asuntos como se teremos coraxe de facer un PXOM que respecte os espazos naturais, que delimite seriamente os núcleos habitados e que respecte a distancia das casas ao monte; ou tentar reunir ás Comunidades de Montes cos propietarios das tomadas (montes particulares) e facer que xestionen o monte cun mesmo criterio, un criterio que sexa económico e ao mesmo tempo ambiental. Para abordar todas estas e outras cuestións, consideramos imprescindible que, tras case dous anos sen reunirse, se reactive a Axenda 21 local, como foro aberto e participativo no ámbito medioambiental e de desenvolmento sostible, no que todos os actores involucrados poidan reflexionar sobre os erros que se cometeron e definir políticas que eviten que o acontecido volva suceder.
Outro compoñente que consideramos esencial, é a posta en marcha no noso municipio dun labor educativo, implicando aos centros docentes do noso concello no coidado e reforestación do monte, así como a realización de actividades que impliquen ao alumnado e ás comunidades educativas no seu coidado, única maneira efectiva  para que se sintan parte do mesmo.
Esperamos e desexamos que, cada quen dende as súas responsabilidades, todas sexamos quen de estar á altura do que este desastre demanda, evitando, na medida do posible a sua repetición e que a veciñanza teña que recurrir a autoorganización para suplir carencias ou ineficiencias das diferentes administracións.
Gondomar, a 19 de outubro de 2017