27.9.17

CABE volve solicitar unha rectificación pública do alcalde de Gondomar

Despois do bochornoso espectáculo en xuño (cando o sr Alcalde tivo que rectificar públicamente tras acusar falsamente a CABE de perder unha subvención), no pasado pleno do 21 de setembro o sr. Ferreira demostra que pouco aprendeu e volve facer o mesmo. Acúsanos de perder a subvención referente a Actividades medioambientais da liña 3.5 do Plan de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra, cousa que non é certa.

CABE entregou o proxecto para a solicitude desta subvención, consistente nunha campaña de fomento e educación na compostaxe, só a falta de cubrir o anexo (tiña que ser cuberto por un funcionario/a municipal, e a Concellería de Medio Ambiente carece de persoal propio) o día 30 de decembro de 2015. O prazo de remate para a solicitude desta subvención era o día 4 de marzo de 2016, data no que este grupo xa formaba parte na oposición. Se a subvención non foi finalmente enviada á Deputación, e polo tanto perdeuse, só é responsabilidade do bipartito.

É por isto que CABE volve esixir unha rectificación pública do sr. Alcalde e rógalle que deixe de culpar ao noso Grupo municipal da nefasta xestión do goberno que preside.

NOTA: Envíase anexo a Ficha de Control de Expedientes onde consta a data de entrega do proxecto ao secretario personal do Alcalde.

Gondomar, 23 de setembro de 2017.
Jimena Varela
Grupo municipal de Gondomar Concello Aberto