24.1.17

Nota de Prensa sobre desperdicio de auga por parte do Concello

Mentres Augas de Galicia activaba o día 12 deste mes a prealerta por seca na demarcación hidrolóxica Galicia-Costa ante a falla de choivas e o baixo nivel de ríos e encoros por estar nun nivel moi inferior ao normal nesta altura do ano. Por exemplo o embalse de Zamáns está nun 70% da súa capacidade en pleno mes de xaneiro e o de Eiras está nun 80%, cando o habitual nesta época do ano e que estean ao 100%.

Mentres a Axencia Galega de Emerxencia, a Consellaría do Medio Rural, Meteogalicia e Augas de Galicia mantiveron unha xuntanza de coordinación no día de onte onde insistiron na necesidade de moderar o consumo de auga e realizar un uso responsable deste recurso.

Cando a situación metereolóxica atípica dos últimos meses está a provocar que os sistemas hídricos naturais (ríos e acuíferos naturais) non recarguen como sería de esperar e non se produce o almacenamento para unha maior reserva das augas na época estival.

O goberno municipal de Gondomar adícase dende hai cando menos 15 días a baldear as rúas do casco urbano de vila, nun exercicio disparatado de desperdicio de auga.

Cando de todos é sabido que un dos grandes déficits estruturais do noso termo municipal (xunto co saneamento) é a falla de subministro de auga corrente municipal, máis da metade das vivendas do noso concello carecen deste subministro municipal e se teñen que servir das traídas veciñais privadas que existen nas parroquias, ou da auga dos pozos.

E cando levamos escoitando dende sempre que o problema que hai que resolver para solucionar este déficit é que non hai auga dabondo para abastecer a totalidade do subministro municipal, o goberno municipal baldea as rúas en pleno inverno.

Unha vez máis este goberno municipal exemplifica o que non hai que facer e inasequible ao desalento está a estragar un recurso escaso e vital. Logo, dentro duns meses, como cada ano polo vran, emitirán un bando pedíndolle á cidadanía un consumo responsable da auga.

Dende o grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto preguntaremos por este tema no próximo Pleno.

Gondomar, 20 de xaneiro de 2017
Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.