24.11.16

Nota de Prensa sobre a incomparecencia dos grupos do goberno municipal na Xunta de Voceiros

Mediante escrito do Concello de Gondomar de data 11.11.2016 fomos convocados polo goberno a unha Xunta de Voceiros a celebrar este pasado xoves día 17 na Sala de Xuntas do Concello de Gondomar.

A devandita Xunta de Voceiros, tiña como orde do día os seguintes puntos:

  1. Data da celebración Pleno de decembro.
  2. Adhesión convenio de transportes metropolitano.
  3. Procedemento de presentación de mocións.
  4. Información sobre o Proxecto Sectorial de A Pasaxe.

Ningún membro dos grupos municipais que integran o goberno asistiu á devandita Xunta. Incomparecencia inxustificada e inxustificable. Para máis inri na propia convocatoria puña “en caso de non poder acudir o comunique para poder escusalo”. Tremendo.

Resulta escandaloso que quen convoca unha xuntanza non compareza na mesma, nin tan sequera dea algunha explicación da súa ausencia, mesmo cando existe a posibilidade da súa substitución por outros representantes dos seus grupos políticos.

Ou considera o Sr. Alcalde que os temas a tratar e polo que convocou ao resto dos partidos (Transporte metropolitano ou a Ordenación do Polígono industrial da Pasaxe) non son temas transcendentes e importantes para o Concello de Gondomar. Logo virán coa milonga do consenso. Ou tal vez pretenda o Sr.Ferreira a celebración da Xunta de Voceiros vía facebook.

Esta espantada dos voceiros dos grupos do goberno ven demostrar, unha vez máis, a falla de control e de xestión da administración pública que pretendidamente dirixen. Unha mostra máis do desprezo que o actual goberno, co Sr.Alcalde á cabeza, teñen polo traballo e o tempo do resto da Corporación municipal, que tamén representan á cidadanía de Gondomar.

Dende o grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto exiximoslle ao Sr.Alcalde un mínimo de respecto institucional á Corporación que representa.

Gondomar, 18 de novembro de 2016.
Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto.