3.7.16

Gondomar Concello Aberto denuncia a perda de tempo do goberno municipal con respecto ao PXOM

A entrada en vigor da nova Lei do Solo obriga aos concellos sen planeamento aprobado inicialmente (caso de Gondomar) a iniciar a tramitación do plan urbanístico dende cero. Este feito non foi explicado á opinión pública e na práctica significa que temos que empezar por un borrador do plan co contido necesario para a súa análise urbanística e un documento inicial estratéxico, documentos que aínda non se empezaron a redactar. En lugar diso, o Goberno municipal preséntanos un documento carente de validez para enviar á Xunta e incompleto: non contén, entre outras reflexións, ningún tipo de análise do crecemento poblacional no municipio. A intención do Goberno é facer o cálculo con posterioridade á proposta, o que demostra a frivolidade e o nulo rigor co que se está tratando este tema. O documento está baseado en cartografía e normativa desactualizada, o que non se trata dunha mera formalidade; presentar este documento só confundirá aos veciños e veciñas de Gondomar, que presentarán alegacións a un documento que non vale para comenzar a tramitación administrativa, e retrasará a mesma. Se a intención é abrir a participación o antes posible, hai outros mecanismos para facelo de xeito máis productivo para os intereses xerais e que non despisten aos habitantes de Gondomar.

Por outro lado, e pese o que diga o concelleiro de Urbanismo, a proposta do bipartito non presenta modificacións substanciais con respecto ao Plan do Partido Popular. A propia empresa redactora, na pasada Comisión de Seguimento do PXOM o 29 de marzo, recoñeceu e dixo literalmente que o “espíritu” do Plan é o mesmo e que o número de vivendas previstas no termo municipal comparadas co Plan do PP practicamente non se reducía. Dende CABE, defendemos unha ordenación urbanística con criterios racionais e sustentables que non existen no Plan do anterior Goberno nin neste, porque son o mesmo.

Lamentamos o tempo que este Goberno perdeu e segue a perder ante un tema de vital importancia para o noso concello como é o PXOM; con comisións de seguimento mensuais onde non se toma ningunha decisión e quedan polo tanto baleiras de calquera utilidade, e sobre todo coa próxima exposición pública dun documento sen validez ante a Xunta de Galicia, que non conta co consenso da Corporación (nin sequera do Goberno bipartito, polo manifestado nas comisións de seguimento), e que polo tanto, carece de percorrido.

Gondomar, 2 de xullo de 2016