2.2.16

Comunicado de CABE ate a decisión da Asemblea do 30.01.2016

COMUNICADO DE CABE ANTE A DECISIÓN DA ASEMBLEA DO 30/1/2016

O pasado verán, asinamos un pacto para constituír un único goberno municipal plural e dialogante entre si e coa cidadanía, co obxectivo de mudar unha situación que tiña sen atender necesidades básicas dos veciños e veciñas de Gondomar.

Nin nese momento nin agora consideramos que estar dentro do goberno sexa un fin en si mesmo; nós considerámolo un medio, unha ferramenta de transformación da realidade.  Acordamos que a acción de goberno se tiña que basear en tres principios: coordinación, transparencia e participación, e nun código ético que aseguraba que a política municipal fose unha actividade no que os veciños e veciñas participasen e puidesen decidir democraticamente en todos os asuntos da súa comunidade.

Durante estes meses de traballo detectáronse diferentes incumprimentos dos acordos asinados. Coa vontade de poñerlle solución, e tras debatelo en asemblea no mes de novembro, instamos aos nosos socios de goberno a mudar esa situación como condición necesaria para que CABE continuara no goberno.

Propuxemos dúas medidas, a coordinación efectiva do goberno municipal e a posta en marcha dunha Comisión de seguimento do Acordo asinado. A coordinación do grupo de goberno seguiu sen ser efectiva, e a invitación de CABE a Manifesto Miñor e ao PSOE para reconducir a situación non foi aceptada, polo que a situación de descoordinación agravouse.

Como paradigma da situación no que se atopaba o goberno temos o último pleno municipal do 21 de xaneiro, feito de forma unilateral polo señor alcalde, sen coordinación cos seus socios de goberno, sen transparencia, sen diálogo cos grupos da oposición e que foi ademais inútil e un gasto innecesario para as arcas municipais.

Sabemos e aceptamos o custe político desta decisión de abandonar o goberno por parte de Gondomar Concello Aberto, pero maior sería o custe político de decepcionar á cidadanía que nos apoiou para facer unha política diferente.

Non sendo posible facer isto dende o seo do goberno, a intención de CABE é conseguir estes obxectivos dende a oposición. O que CABE en ningún caso vai facer é oposición dentro do goberno.
Os nosos obxectivos non mudaron dende o nacemento da nosa organización e non está no ADN de CABE acomodarse ao sillón: viñemos a facer un punto e aparte nas políticas municipais .