2.10.15

Moción sobre as Marchas da dignidade

Pauliño del Rio Iglesias, concelleiro da Corporación Municipal de Gondomar presenta para o seu debate e aprobación se procede a seguinte 

Moción : Marchas da dignidade.

Exposición de motivos:

Gondomar Concello Aberto nace como unha candidatura de unidade para dar resposta aos múltiples problemas que ten o noso Concello. Pero tamén forma parte da súa esencia traballar na política sen perder de vista os acontecementos que afectan ao país no que vivimos e, actuando dende o noso concello, non descoidar o compromiso coas persoas e a realidade social e económica que a todos e todas afecta.
As Marchas da Dignidade, son un movemento social que na Galiza aglutina no seu seo a máis de sesenta organizacións e colectivos veciñais, sindicais, culturais, sociais e políticos do País. As MMdD levan máis de dous anos mobilizándose na rúa para esixir o remate das políticas que agreden á maioría social golpeada pola chamada crise.

Esta corporación municipal é consciente da situación dramática que está a sufrir a maioría social. A chamada crise económica lonxe de rematar chegou para quedarse, por moito que algúns utilicen certos indicadores económicos para aparentar unha mellora que nada ten que ver coa realidade nin cos sectores populares.
Dita situación de emerxencia social derivada da crise estrutural, desde fai anos afecta sen distincións a unha maioría social que é agredida por diversas vías; o desemprego, os recortes sociais, os desafiuzamentos, as privatizacións, ou o desmantelamento dos sectores produtivos tradicionais. Todas e todos estamos sendo golpeados, desde os pensionistas ata a mocidade que ten que emigrar, pasando pola clase traballadora, o sector pesqueiro, o pequeno comercio ou os pequenos propietarios do campo, como acabamos de observar no conflito do sector leiteiro.
Por todo o anteriormente exposto e polo que solicitamos tras o seu debate, a aprobación polo Pleno desta Corporación Municipal do seguinte

Acordo:
O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar apoia a mobilización convocada polas Marchas da Dignidade prevista para o próximo día 24 de outubro na Praza do Obradoiro en Compostela, e fai un chamamento os veciños e veciñas deste Concello a participar na mesma.

Gondomar, 01 de outubro de 2015.
Pauliño del Río Iglesias.
Voceiro do Grupo Municipal de CABE.