22.5.15

PEDO. Plan Especial de Destrución Organizada

PEDO

Plan Especial de Destrución Organizada

O PEDO redactado polo actual equipo de goberno do Concello de  Gondomar substitúe con vantaxe a calquera PXOM convencional, segundo  a opinión cualificada dos políticos populares.

O PEDO de Gondomar consta do seguinte articulado.

1. A meirande parte do presuposto será repartido entre o equipo de  goberno, baixo a fórmula de soldos, dietas e corruptelas.

2. Os veciños serán desatendidos sistematicamente e saqueados a mínima oportunidade.

3. Para traballar co Excelentísimo Concello de Gondomar haberá que  ser membro do partido reinante, nomeadamente o partido popular e os seus aliados.

4. Os servizos municipais tais como auga, alumado e saneamento estarán restrinxido ao centro da vila. Nas parroquias non existirán  ou estarán sometidos as leis do amíguesmo e o clientelismo político.

5. Non se limparán os camiños salvo catro ou cinco días antes das eleccións municipais.

6. En todo caso, os camiños serán insuficientes, aleatorios, bacheados,  tortuosos, inundables e a ser posible dunha soa dirección.

7.  Para axilizar o tráfico rodado, nas estradas non existirán veira rúas,  e de existir serán intransitables co gallo de desalentar a actividade peonil.

8. Os tendidos eléctricos e telefónicos serán aéreos contradicindo a normativa europea e demostrando así a nosa soberanía; é dicir, en vez de servizos públicos, serán considerados verdadeiros perigos públicos. 

9. Consentirase calquera aterramento, levantamento de muros e  usurpación de espazo público sempre que beneficie o interese privado.

10.  O urbanismo estará presidido por dous principios incontestables e identitarios: a especulación e o feismo.

11.  O patrimonio histórico artístico, pontes, acueduto, muíños, matadoiro, etc. será reducido a ruína, para fomentar a futura actividade dos arqueólogos locais.

12.  Non se despilfarrará un só euro en creación de espazos públicos porque para iso xa está Praia América e Vila Nova de Cerveira.

13.  Os ríos do municipio son un recurso inestimable para desfacermos das augas sucias, o lixo e a merda que a depuradora da Señorita Pepis non e quen de depurar. A contaminación da Foz non é cousa nosa, pertence a Nigrán e que cada pau aguante a súa vela. 


Seguen sesenta e tres artigos máis e algúns anexos, entre os que cabe salientar o que leva por título:  Apoio aos familiares e amigos dos alcaldes e concelleiros inhabilitados.